Sede electrónica Concello de Paderne

00:14:48 Venres 27 de decembro 2024

Información

ALCALDIA

10/04/2024

XESTIÓN DA BIOMASA NAS PARCELAS AFECTADAS POLAS REDES SECUNDARIAS DE FAIXAS

EXP: 2024/X999/000209

CONCELLO DE  PADERNE

BANDO

D. Sergio Platas Casal, Alcalde de PADERNE

FAI SABER

            A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (LPDCIF), ten como un dos seus obxectivos actualizar o réxime xurídico da loita contra os incendios no medio rural, integrando nel a prevención e a extinción, ademais da protección da poboación, das infraestruturas e das instalacións agrarias.

            A planificación preventiva pasa a ser un elemento estrutural fundamental deste sistema, que se asenta na actuación concertada de todas as administracións actuantes no ámbito da defensa contra os incendios forestais.

            Nas redes secundarias de faixas de xestión de biomasa será obrigatorio, de acordo co artigo 21 da Lei 3/2007, para as persoas responsables xestionar a biomasa vexetal, de acordo cos criterios estipulados nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento, nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, arredor de edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques e instalacións industriais situados a menos de 400 metros do monte e arredor das edificacións illadas en solo rústico situadas a máis de 400 metros do monte. Con carácter xeral, na mesma franxa de 50 metros mencionada non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira, como o eucalipto ou varias variedades de pino, entre outras. Estes requisitos deberán cumprirse antes de que remate o mes de maio de cada ano.

            En virtude do que antecede, comunícase as persoas responsables que dispoñen ata o 31 de maio para o cumprimento voluntario da súa obriga para xestionar a biomasa nas parcelas afectadas polas redes secundarias de faixas.

            En caso de incumprimento transcorrido o devandito prazo, o concello poderá proceder á execución subsidiaria con repercusión dos custos de xestión da biomasa e, se é o caso, comiso das especies arbóreas prohibidas retiradas pola Administración, nas condicións establecidas no artigo 22.2 da Lei 3/2007, sen prexuízo da instrución do procedemento sancionador que corresponda. A persoa titular do terreo ou do dereito de aproveitamento terá a obriga legal de facilitar o necesario acceso para a realización dos traballos de xestión de biomasa e retirada das especies arbóreas prohibidas. O suxeito que realice os traballos de execución subsidiaria terá a facultade de acceder sen consentimento da persoa titular, agás nos supostos excepcionais contemplados legalmente, cando o acceso afecte, dentro da parcela, a espazos físicos susceptibles de merecer a cualificación de domicilio para os efectos do artigo 18.2 da Constitución Española.

            No caso de proceder a execución subsidiaria, o Concello procederá á liquidación provisional dos custos a que previsiblemente dará lugar, coa advertencia de que se procederá á súa exacción inmediata en caso de persistencia no incumprimento, unha vez transcorrido o prazo outorgado, sen prexuízo da liquidación definitiva unha vez rematados os traballos, de ser o caso.

            A falta de cumprimento das obrigas indicadas é constitutiva de infracción administrativa polo que dará lugar ao inicio do correspondente procedemento sancionador segundo o previsto no título VII da Lei 3/2007.

            a) Administración competente para sancionar (artigo 54 da Lei 3/2007):

1. Será competente para incoar o procedemento sancionador para as infraccións cometidas en terreos agrícolas, forestais e de influencia forestal a persoa titular da xefatura territorial da consellaría con competencias en materia forestal por razón do territorio en que se cometeu a infracción ou daquel con maior superficie afectada.

2. Serán competentes para a resolución dos procedementos sancionadores por infraccións tipificadas nesta lei e incoados no ámbito da consellaría con competencia en materia forestal:

a) A persoa titular da xefatura territorial da consellaría competente en materia forestal, para a imposición de sancións pola comisión de infraccións leves.

b) O órgano competente en materia forestal, para a imposición de sancións pola comisión de infraccións graves.

c) A persoa titular da consellaría que teña asignada a competencia en materia forestal, para a imposición de sancións pola comisión de infraccións moi graves.

3. A incoación do procedemento sancionador en aplicación desta lei, por ausencia de ordenanzas municipais ao respecto, para as infraccións cometidas en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable será competencia do correspondente concello. A resolución dos expedientes pola comisión de infraccións leves, graves e moi graves corresponderalle á persoa titular da alcaldía, de conformidade co establecido no número 3 do artigo 21 ter.

            b) Cualificación da infracción: infracción leve (51.3.a) da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia), sen prexuicio do establecido no artigo 51.2 g) para as faltas graves.

 

            c) Contía máxima da sanción pecuniaria que se poida impoñer no caso de infracción leve: 1.000 € (artigo 74.a) da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, en relación co disposto no artigo 50.1 da Lei 3/2007. No caso de ser considerada infracción grave a contía máxima da sanción será de 100.000 € (artigo 74.b)

            d) Procederase ao comiso cautelar da madeira resultante da corta das especies arbóreas que deban ser retiradas de acordo co establecido no 22.2 da Lei 3/2007.

            As faixas secundarias están delimitadas no Plan Municipal de Prevención e Defensa Contra Incendios do Concello e estarán a disposición dos interesados na páxina web do Concello https://sede.concellodepaderne.es/sxc/gl/informacion/tablon/2022/ANUNCIO_PROG_20221228103002265.html

            Para máis información pode contactar co Concello por teléfono no 981797001 ou por correo electrónico na dirección correo@concellodepaderne.com.

            O que se fai público para xeral coñecemento, en PADERNE, a  3 de abril de 2024.

 


Xustificantes de Publicación: